
Migrar PrestaShop 1.6 a 8 non é unha actualización: é unha reconstrución. Entre esas dúas versións hai un cambio de arquitectura, de plantillas e de módulos, e quen o aborda coma se fose premer un botón acaba coa tenda parada unha fin de semana enteira.
Esta guía para migrar PrestaShop 1.6 a 8 vai do que se rompe seguro e da orde na que convén facelo, escrita desde o lado de quen logo ten que arranxalo.
Por que non podes quedar en 1.6
PrestaShop 1.6 leva anos sen recibir parches de seguridade e corre sobre versións de PHP que xa non reciben soporte. Na práctica iso significa tres cousas: o teu hosting acabará forzando unha PHP que a túa tenda non aguanta, cada nova pasarela de pago deixará de ofrecerche módulo, e unha vulnerabilidade coñecida non se vai corrixir.
Non é unha cuestión de ter o último. É que o chan se está retirando.
Que se rompe seguro ao migrar PrestaShop 1.6 a 8
O tema
Non hai migración de tema entre 1.6 e 8. O motor de plantillas cambiou e a estrutura do front tamén. Ou refaces o tema sobre a base nova ou compras un actual. É a partida máis grande do orzamento e convén asumilo desde o principio.
Os módulos
Os de 1.6 non funcionan en 8. Hai que buscar a versión nova de cada un, e aí aparece o problema real: os módulos abandonados non teñen versión nova. Fai o inventario antes de empezar, non a metade.
As personalizacións á medida
Calquera override ou cambio directo no núcleo hai que refacelo. Se no seu día alguén tocou ficheiros do core en lugar de traballar con overrides, esa parte é arqueoloxía.
As URLs
A estrutura de ligazóns pode cambiar, e aí é onde se perden posicións. Cada URL que cambie necesita a súa redirección 301, e hai que verificalas unha a unha antes de abrir ao público.
Migrar PrestaShop 1.6 a 8 en seis pasos, en orde
- Inventario. Lista de módulos co seu estado —ten versión para 8, non a ten, xa non fai falta— e lista de personalizacións.
- Copia completa. Base de datos e ficheiros, verificados restaurando noutro sitio. Unha copia que non probaches a restaurar non é unha copia.
- Contorno de probas. Unha réplica exacta con datos reais onde facer a migración enteira sen tocar a tenda viva.
- Migración de datos. Produtos, clientes, pedidos e histórico. Aquí compróbase que os pedidos antigos seguen sendo consultables, que é un requisito fiscal, non un capricho.
- Mapa de redireccións. Exporta as URLs actuais, compáraas coas novas e monta os 301 de todo o que cambie.
- Fiestra de cambio. Un día de pouca venda, coa tenda en mantemento o tempo xusto e co camiño de volta preparado por se algo sae mal.
Canto custa migrar PrestaShop 1.6 a 8
A pregunta incómoda. Non hai prezo de tarifa porque o custo non o marca o catálogo, márcano as personalizacións, pero si hai tramos recoñecibles.
Unha tenda estándar, con tema comprado e módulos comerciais ao día, móvese na parte baixa: é sobre todo migrar datos, montar o tema novo e refacer configuracións. Unha tenda con desenvolvementos á medida, integracións cun ERP e módulos abandonados vai á parte alta, e aí a partida máis grande non é a migración en si: é reconstruír o que no seu día se fixo tocando o núcleo.
O consello práctico: pide sempre que o orzamento de migrar PrestaShop 1.6 a 8 desagregue o tema, os módulos e as personalizacións por separado. Un prezo pechado sen ese desglose agocha as sorpresas, e as sorpresas nunha migración sempre as paga o cliente.
Os cinco erros que máis caros saen
- Migrar directamente sobre produción. Sen contorno de probas, o primeiro fallo descóbreo un cliente.
- Non inventariar os módulos antes. Descubrir a metade que o módulo da túa pasarela non ten versión para 8 detén o proxecto enteiro.
- Esquecer as redireccións. É a causa número un da caída de tráfico tras migrar PrestaShop 1.6 a 8, e é completamente evitable.
- Saltar de golpe de PHP 5.6 á última. Convén subir por chanzos e comprobar en cada un.
- Facelo en tempada alta. Escolle o mes máis frouxo do ano, non o que che veña ben na axenda.
Se queres unha referencia oficial do ciclo de vida e de que versións seguen recibindo mantemento, manténa o propio proxecto na súa documentación de requisitos do sistema.
Que probar antes de abrir a tenda migrada
- Unha compra completa de principio a fin, con pago real dun céntimo se a pasarela o permite.
- Os correos transaccionais: confirmación, envío e factura.
- Un pedido antigo aberto desde o back-office.
- O buscador e os filtros de categoría co catálogo completo.
- A conexión co teu programa de xestión, se a tes.
- As redireccións, cunha mostra das URLs con máis tráfico en Search Console.
Migras e queres non perder a conexión coa túa xestión?
Os nosos módulos para PrestaShop son compatibles coas versións actuais. Se vés dunha tenda vella cun conector abandonado, revisamos o que se pode recuperar antes de que comeces.
Se ademais vas revisar o catálogo durante a migración, mira o conversor de produtos e os módulos de PrestaShop que mantemos.
Preguntas frecuentes
Canto tarda migrar de PrestaShop 1.6 a 8?
Entre dúas e oito semanas segundo o tamaño do catálogo e cantas personalizacións haxa. O que marca a diferenza non é o número de produtos, é o número de cousas feitas á medida.
Perdense os pedidos antigos?
Non teñen por que. Mígranse xunto cos clientes e as facturas. Verifica que son consultables desde o back-office novo antes de dar a migración por boa: a obriga de conservalos segue sendo túa.
Perdese SEO ao migrar PrestaShop 1.6 a 8?
Consérvase se fas ben as redireccións. A caída típica do primeiro mes recupérase se cada URL antiga apunta cun 301 ao seu equivalente novo.
Compensa saltar a outra plataforma en vez de migrar?
Se vas refacer o tema e os módulos igualmente, é un momento lexítimo para plantexalo. Pero cambiar de plataforma engade a migración de datos a un proxecto que xa é grande: non o fagas só por moda.



