Mantemento web profesional para WordPress e WooCommerce
Mantemento web profesional: que a túa web non caia xusto o día que máis vendes
Actualizacións probadas antes de aplicalas, copias de seguridade que se restauran de verdade, vixilancia de caídas e cinco horas ao mes de traballo técnico. Sen permanencia e con informe mensual do que se fixo.

Por que se rompen as webs que ninguén mantén
Contratar un mantemento web profesional parece un gasto prescindible ata o día que non o é. Unha web de WordPress non é un folleto impreso: é software conectado a internet, con vinte ou trinta pezas de terceiros que se actualizan pola súa conta. Cando ninguén as vixía, o fallo non chega pouco a pouco. Chega de golpe, e case sempre no peor momento.
Actualizacións ás cegas
Un plugin actualízase só, choca con outro e a tenda deixa de deixar rematar a compra. Ninguén se decata ata que un cliente escribe, se é que escribe.
Copias que non se restauran
Case todo o mundo ten copias. Moi pouca xente probou a restauralas. Unha copia que non se probou non é unha copia: é unha carpeta.
Portas abertas
A maioría das webs comprometidas non as ataca ninguén en concreto: atópaas un robot que rastrexa versións vellas con fallos coñecidos e publicados.
Lentitude que custa vendas
A base de datos incha, as imaxes pesan de máis e a web perde velocidade. Google mídello coas Core Web Vitals e téno en conta para posicionar.
Canto che custa un día caído
Antes de falar de cotas convén poñer o outro número enriba da mesa. Marca o que se pareza ao teu caso e verás a cantos meses de mantemento equivale:
Cifras orientativas de intervencións reais, non unha tarifa. A conta da dereita traduce ese custo a meses de mantemento, para velo na mesma unidade. E non inclúe o que máis doe: as vendas que non se fixeron mentres a web estaba caída.
Que inclúe o mantemento web profesional
Un mantemento web profesional non é «revisamos que todo estea ben». Isto é o que se fai, e queda por escrito no informe de cada mes:
Actualizacións probadas
O núcleo, os plugins e o tema actualízanse primeiro nunha copia de probas. Se algo choca, resólvese aí e a túa web non se decata.
Copias que se proban
Copias automáticas diarias fóra do servidor, con restauración verificada. Sabemos que funcionan porque as restauramos, non porque o panel diga que si.
Vixilancia de caídas
Comprobación cada poucos minutos. Se a web deixa de responder decatámonos nós primeiro, non o teu cliente.
Seguridade ao día
Versións vulnerables detectadas e parcheadas, accesos revisados e limpeza se algo se cola.
Rendemento
Base de datos limpa, caché en condicións e imaxes optimizadas. A web non se vai degradando soa.
Cinco horas de traballo
Para cambios reais: un texto, unha páxina nova, un axuste da tenda. Non se perden en revisar; úsanse no que pidas.
Como traballamos cada mes
- Revisión inicial · a primeira semana
Miramos o que tes: versións, plugins abandonados, copias existentes, velocidade e buratos de seguridade. Sae un informe co urxente separado do que pode agardar.
- Pórse ao día
Resólvese o urxente antes de entrar en rutina. Non ten sentido empezar a manter unha web que xa está rota.
- Rutina mensual
Actualizacións probadas, copias verificadas, vixilancia e as túas cinco horas. Cada mes recibes un informe do que se fixo e do que se detectou.
- Cando algo falla
Ponémonos con iso. As caídas e os erros críticos van por diante de calquera outra tarefa do mes.
Para quen é este servizo?
Non todas as webs necesitan un mantemento web profesional cada mes, e dicilo antes aforra disgustos aos dous. Estas son as que si:
Tendas online
Se a web cobra, cada hora caída é diñeiro contado. E WooCommerce ten máis pezas móbiles ca unha web corporativa: pasarelas, transportistas, sincronizacións.
Webs que xeran clientes
Formularios, orzamentos, reservas. Se o formulario deixa de enviar e ninguén o proba, a web parece que funciona mentres perdes contactos en silencio.
Empresas sen informático
Alguén da casa fai de apagafogos cando algo falla. Ese alguén ten outro traballo e non debería estar mirando rexistros de erros.
Webs con anos enriba
Plugins que xa ninguén actualiza, un tema comprado en 2019, unha base de datos inchada. Canto máis vella, máis barato sae mantela que rescatala.
Se a túa web é unha páxina estática que non cobra nin capta contactos e a tocas unha vez ao ano, probablemente non necesites isto. Dirémoscho na revisión inicial.
Tres cousas que nos atopamos case sempre
Non son exemplos inventados para vender: son os tres achados que máis se repiten cando abrimos unha web que levaba tempo sen mantemento.
- Copias que non valen
O panel do hosting di que hai copias diarias. Ao intentar restaurar unha, resulta que só gardaba os ficheiros e non a base de datos, ou que a retención era de dous días e o problema viña de hai dúas semanas.
- Plugins abandonados polo seu autor
Instalados hai anos, seguen activos e xa ninguén os actualiza. Son a porta de entrada máis común, e case sempre hai un substituto mantido que fai o mesmo.
- Actualizacións automáticas sen rede
WordPress actualiza só, e un día unha actualización choca co tema. Sen contorno de probas nin copia recente, o arranxo faise en quente e coa tenda pechada.
Con que traballamos
Manexamos o que coñecemos a fondo, que é onde podemos responder de verdade:
- WordPress
- WooCommerce
- Bricks
- Elementor
- Gutenberg
- Multiidioma
- Hostings con cPanel ou Plesk
- Servidores propios
Se a túa web é PrestaShop, tamén a mantemos, aínda que o alcance cambia un pouco: escríbenos e concretámolo.
Que entra e que non
Por escrito desde o primeiro día, que é como se evitan as discusións.
Incluído
- Actualizacións de núcleo, plugins e tema, probadas antes
- Copias de seguridade diarias externas, con restauración verificada
- Vixilancia de caídas e aviso proactivo
- Revisión de seguridade e parcheo de versións vulnerables
- Optimización de base de datos, caché e imaxes
- Cinco horas mensuais de traballo técnico ao teu criterio
- Informe mensual do feito e do detectado
- Atención prioritaria ante caídas e erros críticos
Non incluído
- Licenzas de plugins de terceiros e custo do hosting
- Redeseño completo ou cambio de plantilla
- Desenvolvemento de funcións novas que pasen das horas do mes
- Migración a outra plataforma
- Redacción de contidos e campañas de marketing
- Incidencias causadas por terceiros con acceso ao servidor
Prezo do mantemento web profesional
cinco horas de traballo incluídas · sen permanencia · informe mensual
Unha soa cota, sen sorpresas e sen contrato dun ano. Se un mes non usas as horas non se acumulan, porque o que pagas non son horas soltas: é que a web estea vixiada, actualizada e con copias que funcionan.
- Sen permanencia
- Informe mensual por escrito
- Caídas e erros críticos, por diante
- WordPress e WooCommerce
Preguntas frecuentes
Que diferenza hai entre isto e o que xa fai o meu hosting?
O hosting mantén o servidor: que a máquina estea acesa e actualizada. O que corre enriba —WordPress, os teus plugins, o teu tema, a túa tenda— non o toca ninguén. A maioría das webs rotas que nos chegan están en hostings perfectamente sans.
E se un mes non necesito as cinco horas?
Non se acumulan, e é honesto dicilo antes de contratar. O que pagas cada mes non son cinco horas soltas: é que alguén estea vixiando, probando as actualizacións e comprobando que as copias se restauran. As horas son o que sobra diso.
Traballades con webs que non fixestes vós?
Si, é o máis habitual. Comezamos por unha revisión inicial para saber que hai debaixo. Se atopamos algo que hai que resolver antes de entrar en rutina, dicímolo co seu orzamento e decides.
Que pasa se a web cae un domingo?
A vixilancia non descansa e as caídas van por diante de calquera outra tarefa. O que non vendemos é un servizo de garda 24/7 con tempos de resposta garantidos por contrato: iso é outro produto e custa outra cousa.
Podo cancelar cando queira?
Si, non hai permanencia. E se marchas, levas as túas copias e o informe do que se fixo.
Falemos da túa web
Se estás valorando contratar un mantemento web profesional, cóntanos o que tes e dicímosche o que nos atopamos. A revisión inicial é o primeiro que facemos, e de aí sae un informe que é teu tanto se contratas como se non.
